domingo, 21 de octubre de 2018

PASAR MÁIS FAME QUE...

A mazá e o cacho de pan están sobre o pano das mans que Valente Fuertes Ortegal puxera ó seu lado. Valente, o fillo do Piollo, está sentado á sombra dunha pequena carballeira que hai na carreira dos Agros. Deixa a ollada perdida e pensa naquel tempo no que pasaba máis fame que unha puta en coresma. No que, por exemplo, a codia do pan estaba tan dura que non había outra que meter o pan na auga para poder comelo. E comíao.
O fillo do Piollo, que, como comprenderedes, chamábanlle O Piolliño, lembra as papas de millo no almorzo e despois xa todo era pan e touciño, pan e touciño, pan e touciño. Pero non o touciño con febra, senón o touciño con todo o lardo do mundo. E por enriba, un pouquiño caldo de verzas. Así un día si e o outro tamén. Así media vida. Pasaba máis fame que unha puta en coresma. Agora, desde a carreira dos Agros contempla o campanario da igrexa de Baños de Molgas e sorrí. Porque, agora, aínda que non viva moi ben, xa non pasa aquela fame que pasaba. A nai do Piolliño vendía de todo para acadar os únicos ingresos que entraban na súa casa. Ó vender de todo non quedaba outra que pasar máis fame que unha puta en coresma. Valente, O Piolliño, ponse a comer na mazá e no pan.

Finca Fierro. Domingo, 21 de outubro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario