De todos é sabido que no balneario
de Baños de Molgas a maiores de curar os males, este, antigamente,
acollía a membros de posicións altas, ben fosen políticas,
sociais, culturais e demais. Por aí pasaron reis e ministros e
duques e condes e médicos e filósofos. Por aí pasou tamén Justo
Martínez Amutio, que a maiores de ser un simple metalúrxico e
mecánico, ademais foi un gran político español. Este bañista (hai
que lembrar que en Baños de Molgas, a todo aquel que vai tomar as
súas augas termais, chamámoslles bañistas) nacera o 18 de outubro
de 1896 en Rincón de Soto, na provincia da Rioxa. Marchou para
Bilbao moi novo, aí ós 16 anos, e foi xa aí onde iniciou as súas
actividades profesionais na rama da metalurxia; obtivo o título de
perito industrial e posteriormente o de proxectista. No ano 14
afiliouse á UXT e ás Xuventudes Socialistas de Bilbao. Ingresou no
PSOE o 18 de outubro de 1920, xusto ó cumprir ós 24 anos. O
Gobernador civil-militar de San Sebastián desterrouno pola súa
actuación sindical e política. Trasladou a súa residencia a
Valencia, e alí foi secretario xeral da Federación Socialista. E
foi compromisario por esa provincia para a elección do Presidente da
República, don Manuel Azaña.
Durante a Guerra Civil foi Gobernador
Civil de Albacete, máis en concreto, desde o 19 de decembro de 1936
ata o 13 de xullo de 1937. Tan axiña como rematou a Guerra, as
autoridades franquistas detivérono e encarcerárono. Decontado o
puxeron en liberdade, pero Justo Martínez como seguía erre que erre
coas actividades políticas clandestinas (baixo os nomes de Perico,
Soto, O Levantino e O Alicantino), levárono a prisión outras tres
veces máis, “polos seus antecedentes políticos marxistas desde
antes do 18 de xullo de 1936, e non propoñerse en ningún momento,
peses ás súas actuacións excepcionais como Gobernador Civil
`roxo´, axudar a servir á Causa Nacional, senón, pola contra,
consolidar e prestixiar ó réxime marxista evitando asasinatos,
`sacas´ de presos e desmandos”.
En 1974 ganou o II Premio Larra de
literatura co libro “Chantaxe a un pobo”, que lle causou
problemas dentro do propio PSOE, porque tal premio seica estaba
promovido polo franquista Ricardo de La Cierva. Restablecida a
democracia elixírono senador nas eleccións xerais de 1977 e estivo
dous anos no cargo. Morreu en Valencia o 29 de maio de 1983, ós 86
anos de idade.
Finca Fierro. Sábado, 27 de outubro
de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario