viernes, 26 de octubre de 2018

TOCAN A DÓ NO RIBEIRO

Empezan a tocar a dó as campás do Ribeiro. A dó é un son triste, moi triste. Hai moito que tocan, pero... non sei, ó mellor o ruído do Miño ou o que fose non nos deixaba escoitar ben. Ou nós mesmos non queriamos escoitar ese son. Pero agora si, agora xa todo o mundo se decata de que os campanarios do Ribeiro choran pola viticultura.
Parece ser que a falta de relevo xeracional ameaza o sector vitivinícola. Ese é o gran titular dos xornais. Nos subtítulos, non obstante, a culpa é dos dous anos de baixa produción, do prezo da uva e das dificultades parcelarias, que son as que realmente afastan á xente nova. Estas si, estas son máis ameazantes que o relevo xeracional. A xuventude e calquera persoa racional non se mete en algo se ve que non hai futuro. E máis cousas. Como vivir angustiado todos os anos porque en calquera momento a bodega na que estás che di de súpeto que non che colle as uvas. E dálle grazas a Deus se cho comunica con meses de antelación para que busques outras. Un ano, a un servidor, comunicáronllo ós oito ou dez días de vendimar. Certo que tiven a sorte que me aceptou unha bodega. Sorte? Tiven que meter a esa bodega en mans de avogados para cobrar o ano 2015! Ós tres anos! Estou farto de que me doa a cabeza. Aí queda case unha hectárea de produción.

Finca Fierro. Venres, 26 de outubro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario