jueves, 11 de octubre de 2018

CONTEMPLO A VIDA PASAR

Sento no mazadoiro dunha quimera e contemplo a vida pasar. Vexo como cabalga o soño dunha noitiña na aira do Pombal e como asubían as andoriñas por entre o salgueiral de Entreloríos. Aínda que, ó mellor, igual é unha rula que aniñou no silveiral da Lagoa. Pouso tres pedriñas sobre a miña bota esquerda e cun rápido movemento mándoas á caldeira. Xogos de neno de cando o tempo nin corría nin voaba, simplemente estancaba.
Sento no mazadoiro do ermo e deixo que o silencio fure por entre os pés dun canastro. Ó pouco sinto o bruar do vento e vexo como as follas dun loureiro van e veñen, veñen e van por entre os catro palleiros da aira de Dentro. Deita a noite sobre a vila de Baños de Molgas e dous gatos negros cruzan as rúas de pedra. Ó instante un fato de cans rompen o silencio nocturno e corren polo Agro abaixo detrás de algo que só fixo ruído. Quizais foi un latexo dun corazón morriñento ou o salouco dun pensamento engaiolado. Sento no mazadoiro dunha rexouba e sei que a vida colga dunha copla que moitas veces quero cantar, pero que, en certos momentos, se me agarrota nese sentimento que non me deixan asomar. Contemplo a vida pasar coa ollada perdida por entre os canastros da Aira de Arriba. Hai silencio. É noite.

Finca Fierro. Xoves, 11 de outubro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario