lunes, 22 de octubre de 2018

O BOUREO DUN FOGUETE

Lana Cachaldora Suárez ten a cara lavada e o pelo recollido nun moño. Lana Cachaldora contempla a paisaxe desde a distancia. Está sentada no alto de Sudalomba e a súa ollada tira cara á Tapada dos Ferreiros. Soña con aquel tempo no que, un día, bañándose no río de Tioira atopouse de fronte co seu príncipe azul. O seu príncipe azul ensinoulle un sorriso e para Lana xa foi como o boureo dun foguete. Non o volveu ver máis. Ó seu príncipe azul. Pero non hai un día no que non nade na imaxe que debuxou durante tan só uns segundos.
Lana Cachaldora Suárez é filla de Oalla Suárez, A Retorcida, e de Xacinto Cachaldora, O Dereito. É filla única. Ten 20 anos. É guapa, moi guapa. Dinllo todos e ela sábeo ben. Por iso non entende, aínda non asimilou que o seu príncipe azul lle ensinara tan só un sorriso e desaparecera. Desde aquel día sobe unha e mil veces ó alto de Sudalomba para contemplar a Tapada dos Ferreiros. Confía en que algunha vez volva asomar o seu príncipe azul, aínda que só sexa no título do conto. A filla da Retorcida e do Dereito deixa escapar unha bágoa, só unha, polo seu ollo esquerdo. Desfai o moño, solta o pelo e este bambea ó vento. Ela, Lana Cachaldora Suñarez, ergue e baixa o outeiro en silencio.

Finca Fierro. Luns, 22 de outubro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario