domingo, 25 de julio de 2021

A REALIDADE É OUTRA

Cinco menos vinte da tarde. Domingo. Se non fora domingo, sería festivo. Porque hoxe é o Día de Santiago, patrón de España (lembrade que o patrón de Galicia é o carallo). Hoxe tamén é o Día da Patria Galega. E que orgullo!, que emoción!, que alegría!, que marabilla!... ver como as redes sociais e os medios de comunicación se enchen de desexos para a nosa Comunidade. Logo, iso si, mañá, se lle preguntas á maioría deses que colgaron slogans ou vídeos ou viñetas ou frases sobre a independencia o a nación galega meterán o rabo entre as pernas e... se te vin, xa non recordo.


Hai incongruencias que claman ó ceo. Algo moi semellante a eses momentos nos que a dereita, sen cortarse un pelo, se quere apropiar do pensamento de Castelao. Ou de cando nas Letras Galegas pasa o mesmo que no día de hoxe: moito galego ese día e á unha da madrugada do seguinte volve o castelán a ser dono e señor das conversas e dos escritos na nosa propia terra.

Cinco menos dez da tarde. Se non fora domingo, sería festivo. Porque hoxe é o Día da Patria Galega. Sempre recordo que ó principio era exactamente así: o Día da Patria Galega. Agora xa levan uns anos que van metendo, coma quen non quere a cousa, o Día de Galicia. Non vaia ser que se nos suba á cabeza a carallada esa do independentismo. É igual; aínda que fora da outra maneira, a realidade amósanos o que realmente somos, o que realmente sentimos. Por iso creo que é unha trapallada o darlle tanto bombo a algo que non sentes. Será que queremos quedar ben...


Café Sports Century. A Valenzá. Domingo, 25 de xullo de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario