viernes, 23 de julio de 2021

UN MALDITO SENTIMENTAL!

Acabo de presenciar a inauguración dos Xogos Olímpicos de Toquio e descubrín que xa non estou para estas lerias; que, emocionalmente, axiña caio no sentimentalismo. A verdade é que ante certos fitos, ante certos acontecementos sempre me sucedeu iso, o de emocionarme. E dáme algo de carraxe porque, ás veces, ando a pregoar que é bo ser fríos e serios ou ter incluso algo de maldade. Pero nada, son un maldito sentimental. O ver como trasladaban a chama olímpica por todo o país e por todo o estadio, ou mellor dito, o ver a algúns dos que a trasladaban era como un subidón de adrenalina emocional.


De todas formas, e sinceramente, esperaba algo máis. Non sei, decepcionoume un pouco a acendido do pebeteiro. Sendo onde era, esperaba algo máis espectacular, incluso máis complicado, con máis suspense. O realmente espectacular si que foi o dos drons (que marabilla!), empalmando con todo ese himno de John Lennon, con ese “Imagine” cantado por artistas dos cinco continentes.

Tamén é verdade que a inauguración non me encheu tanto por culpa da non presencia do público no estadio. Quéirase que non, os aplausos e os berros; mellor aínda, o alento dos espectadores sempre remexe o galiñeiro, sempre alborota o pombal. Pero a pandemia castigounos en todo e desde todos os ángulos. Agora queda pensar só neses atletas ou competidores ou participantes coa ilusión de que nos emocionen máis incluso que a propia inauguración, que seguro que o farán.


Café Kibu. A Valenzá. Venres, 23 de xullo de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario