sábado, 31 de julio de 2021

CORRER SENTADO

Canto corrín sen me mover do sitio! Eu sabía que tiña que correr, pero amargoume ir detrás do can que escapaba. A realidade era que o can non escapaba; quen escapaba era o burro e o can corría detrás del. Eu quería correr detrás dos dous, mais estaba tan ben sentado no penedo de Barricobos que nin fixen o intento de erguer. Ó final decidín deixalos. Que sexa o que Deus queira. Correr para, ó mellor, atopalos no Guichón, pois tampouco era plan. Xa volverían cando se aburrisen de correr. Os animais tamén se aburren e tamén cansan de correr. Por iso de cando en vez toman folgos á sombra dun salgueiro. Eu non, eu corro co pensamento, e corro moito. Corro máis que os dous animais xuntos. Sentado aínda corro máis.


Que ben fixen o non correr! Non pasou nin media hora cando o Uriarte (o can) trouxo medio a remolque a Secundino (o burro). Para min que nos lles dera nin tempo de chegar a Portugalego. Seguro que na Tapada Nova xa deran a volta.

Eu non corrín, pero, sabedes?, noto como se estivera suado, como se correra a toda velocidade. E mirade que eu non son de moito suar. Empezo a desconfiar que si que corrín moito, aínda que estivese e seguise sentado. Ás veces as ansias ou as angustias fan suar moito. O medo tamén fai suar moito. Eu, estando o Uriarte comigo, non teño medo. Por iso case corrín detrás del (por se quedaba sen a súa compaña), pero vendo que podía correr igual sentado, deixei que a nugalla fose feliz dentro de min.


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 30-07-2021

 

2 comentarios:

  1. Pois si que fas kilómetros sentado ehh.
    Moi bo, saudos, Chito.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Graciñas, Sonia. A verdade é que é unha marabilla correr sentado, hahahahaha. Saúdos.

      Eliminar