domingo, 20 de noviembre de 2022

A CABEZA É ESENCIAL

Pois alá me foi o burro coas noces. Escribín unha liña tan só dun Pingas que versaría sobre un roubo acaecido en Baños de Molgas no mes de febreiro de 1965, pero veume á cabeza de que quería saber algo máis. Así é que mandei un guasap e a ver que me contan. Entón, claro, alá me foi ese presunto Pingas a tomar vento.


E agora que; digo eu. Trastornáronseme os plans. E cando unha idea está metida nos miolos, desconectar dela, ás veces, faise complicado. Se botas moito tempo mirando para un teito branco, ponse costa arriba describilo de cor negra. Entendedes, verdade? Se botas todo un día intentando saír da casa é moi duro optar por outra opción porque penses que, logo, hai que volver. Así é que saes e que custe o que queira a volta.

E agora que. Agora que conto. Que o ceo está gris? Máis que gris está escuro. Tan escuro que xa semella noite ás cinco e dez da tarde. Ós cachos, pingas de orballo caen sobre a miña cabeza. Sobre a miña cabeza cuberta por unha capucha. Que non son nada parvo; o de deixarme mollar tendo con que taparme. Polo menos a cabeza. Sabemos que a cabeza é esencial. Para todo ou case todo. Para o ben e para o mal. A cabeza é o sol do noso universo e tamén pode ser a lúa noitébrega. Máis ou menos. Tampouco hai que buscarlle un gran significado ou un gran símil á cabeza. A ver se buscando buscando me esforzo de máis e non vaia ser que me rebente. A cabeza, digo.


Café O Chicote. A Valenzá. Martes, 15 de novembro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario