viernes, 25 de noviembre de 2022

DE GANCHETE

Case sempre confundo o termo ir por volver. Hai unha diferenza abismal, insondable. Coma do branco ó negro, do día á noite ou da luz á escuridade. Aínda que se o penso fría ou profundamente, a disparidade non é tal. Porque se vou, teño que volver. Non queda outro remedio. Xa sabedes aquilo de que todo o que entra, sae.

Moitas veces o que parece imposible é posible. Si, máis seguro que teña que dar unha morea de voltas, pero a recompensa estará aí, ó final. A meta á que nunca pensei chegar. Pero vai se o fixen; aínda que botase os folgos. Que os botei.


Se vou, veño. Se marcho, volvo. Se entro, saio. Se escribo, poño punto final. Ó final, claro. Agora acabo de poñer punto e seguido porque sigo. Sigo filosofando sobre termos contrarios ou imposibles que rematan sobre a realidade auténtica, certa, verídica, real. Sigo analizando que entre a cor branca ou a negra hai outras cores; por exemplo, as sete do arco da vella. Que entre o día e a noite está o luscofusco, a bocanoite, a noitiña. Que entre a luz e a escuridade está a penumbra.

Fría e profundamente non existen diferenzas ou contradicións. Ó final todo é máis sinxelo do que se pensa. Somos nós os que lle queremos poñer atrancos a todo o que nos arrodea. Co fácil que é coller de ganchete calquera termo e pasear con el polos proles e os contras da nosa existencia.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 25 de novembro de 2022

 

3 comentarios:

  1. Concordo, vaia si concordo. Sempre de ganchete vida e morte, dende o intre mesmo da fecundación somos o todo e todo o contrario.
    Unha aperta

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pepa Álvarez Gómez

      Eliminar
    2. Efectivamente, Pepa. Ademais, levaba moito tempo sen usar a expresión “de ganchete”. Saudiños.

      Eliminar