lunes, 21 de noviembre de 2022

Ó ESTILO DO SALVAXE OESTE

Ó mellor é porque vemos moitas películas do Oeste e axiña queremos imitar a John Wayne e Clint Eastwood ou a Jack Palance e Lee Van Cleef. Hai uns quince días ou así houbo un tiroteo en Maceda e, antes, a finais de outubro, foron as chairas de Cidade Real as que se converteron nunha simulación fordiana ou leonania.


Nesa provincia de Castela-A Mancha un home matou a dúas persoas e feriu a tres. Un dos mortos era un labrego que intentou mediar na liorta que tivera o pistoleiro co seu pai. Isto adoita acontecer moito: que o que se mete polo medio intentando separar é o que máis malleira leva. O outro morto foi un policía local, algo así coma o shériff do Far West. O tirador ou pistoleiro púxose tan bravo que non houbo máis remedio que abatelo.

Tanto un caso coma o outro, por desgraza, case acontece diariamente no noso país. Non obstante, a nós, a min impresionoume máis o de Maceda polo que é Maceda. Non só por coñecela e traballar alí case trinta anos, senón por ser unha vila pequena e porque, como nos coñecemos todos, pensamos que nunca pasarán esas cousas. Ata que pasan.

Despois tamén está a forma en que pasan. No caso de Maceda, plantarse nun piso e descargarlle tres tiros a unha persoa con esa facilidade é como para pensar nese Salvaxe Oeste no que entrabas nunha localidade a galope tendido e pegando tiros a esgalla. Está visto que, tanto antes como agora, os problemas, resolvémolos sempre así: a tiros.


Bar Paco. O Vinteún (Ourense). Venres, 18 de novembro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario