lunes, 14 de noviembre de 2022

VINTE ANOS E A VIDA SEGUE

Vinte anos dos fiíños de chapapote ciscando dun barco no mar galego. E a vida segue. Moita loita, moito orgullo, moito traballo e... ata o próximo desastre. Porque o haberá. Porque é lei de vida.


Tamén é lei de vida o poder dos cartos. Moitas críticas e moitos sentimentos de carraxe porque o mundial de fútbol se celebra en Qatar, onde ós dereitos humanos se lles dá por aquel sitio. Non entendo por que nos alporizamos tanto se, por diñeiro, somos capaces de facer o peor que se pode imaxinar un. Xa o dicía aquel: somos capaces de venderlle a alma ó diaño. Díxeno sempre: que a orde esa da saúde, diñeiro e amor da canción é unha gran trapallada, unha carallada. Diñeiro, saúde e amor. Iso si. A saúde, ás veces, aínda a podes curar con cartos. Sen cartos, xa podes ter unha saúde de cabalo que, como non teñas que levar á boca, as forzas fraquean, o desmaio logo chega e o requiescat in pace axiña fai acto de presenza.


Dereitos humanos en Qatar. Non os hai. Pero os cartos afogan as penas e as ansias e as maldades e as carraxes e os maltratos. Mellor é pechar os ollos e tapar os oídos para deixar que a vida siga e que as toneladas de petróleo as asimilemos como simples fiíños que, maldita casualidade!, foron ciscar no mar da Costa da Morte. Agora, pasados os vinte anos, a catástrofe queda como recordo e mesmo como unha actuación heroica, que o mal que fixo xa é o de menos. Vinte anos e a vida segue.


Café Brétema. A Valenzá. Domingo, 13 de novembro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario