sábado, 19 de noviembre de 2022

UN MUNDIAL É UN MUNDIAL

Como non chegamos a tempo de parar a celebración do Mundial de fútbol en Qatar (empezou onte), por aquilo tan sinxelo que dixo o noso ilustre don Francisco Quevedo y Villegas: “Poderoso caballero es don dinero”, non queda outra que ver fútbol e máis fútbol. Si, agora, algúns da FIFA xa recoñecen que foi un error levar á petromonarquía tal Mundial, pero xa se sabe aquilo de que pedir perdón é moi fácil. O perdón sempre se pide despois do erro. Despois de encher, iso si, as faldriqueiras con bos feixes de billetes.


Cometeuse un erro. Pero agora xa non hai volta de folla. Moitos tamén falan de facerlle boicot a tal Mundial. E aquí case estou co que lle acabo de escoitar agora mesmo ó propio presidente da FIFA, Gianni Infantino, chamándolles a eses críticos hipócritas. Porque, por exemplo, moitos dos españois que clamaron ó ceo polo acaecido na construción dos campos de fútbol no país qatarí e polos seus dereitos humanos son os mesmos que se puxeron coma brasas cando se falou de trasladar os restos mortais do noso Gran Caudillo do Val dos Caídos, e sabendo como sabemos a forma en que se construíu esa aberración fascista. Os malos sempre son os de fóra; nunca os nosos. Somos un país emigrante e odiamos ós inmigrantes. Esbardallamos contra o exterminio xudeu e quedamos mudos ante a desfeita realizada no Novo Mundo. Algo hipócritas non somos... somos moi hipócritas.

Non quero complicar máis o asunto, gustándome o fútbol como me gusta. Falo logo de fútbol. E voulle dar un pouco de cheda a Luis Enrique, por moito que diga que ten un ego moi seu. Agora mesmo recoñezo que é un tipo moi listo. Estou convencido de que o bombazo ese do seu stream (ou como carallo se chame) é para que os focos dos medios de comunicación se dirixan cara á el e deixen en paz ós seus rapaces. Estou seguro de que lles quere quitar presión ante tal acontecemento. Lembremos que é nada menos que un Mundial, que non é moco de pavo. E, sinceramente, son cativos. Creo que lles chaman a xeración ou a selección do chupete. Con iso está dito todo.

Non me sairá da cabeza todas esas atrocidades que leva a cabo ese país. Pero tampouco me sairá da cabeza o fútbol en si. A proba é que, eu, si intentarei ver todos os partidos que poida. Porque... un Mundial é un Mundial.


Finca Fierro. Sábado, 19 de novembro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario