sábado, 18 de febrero de 2023

ENTRE O DEMO E AS SERIES

Onte, moitos desfiles de entroido. Mañá, máis desfiles de entroido, a maiores de que remata o carnaval. A festa por antonomasia dos vergoñentos, dos que somos ou nos sentimos tímidos, mesmo covardes. Porque detrás dunhas máscaras ou carantoñas ou caretas sacamos esa desvergonza, esa afouteza, esa insolencia; o esencial é que ninguén te coñeza para non sentir pudor. O pudor está en que un pensa o que pensarán os demais en como vas, en como te atreves. Sempre lle tivemos pánico ó escarnio. Coa careta... alá eles, non saben quen somos. Coa máscara incluso somos capaces de, algunha vez, botar ese demo que levamos dentro.

Claro que, o peor demo é aquel que deixamos saír sen retranca, sen festa, se entroido, e do que teño falado xa moitas veces. Porque non queda outra. A realidade amosa, un día si e outro tamén, esa vea esperpéntica, maldita que rebenta para que paguen xustos por pecadores. Un veciño de Marín, sen coñecer para nada a unha muller de 47 anos, asestoulle máis dunha ducia de coiteladas porque seica lle dixo o demo que tiña que matar. Obediente coma el só, intentou seguir a orde, o ditado por ese demo que, literalmente, si que levaba dentro. A expresión esa, hai que recoñecelo, moitas veces non é unha simple metáfora.


Non sei se será o demo ou a inconsciencia dalgúns, pero o caso é que ver compulsivamente capítulos de series pode carrexar problemas de saúde, principalmente nas costas, no exceso de peso e, por suposto, na vista. Recoñezo que en tal situación non me vexo porque sempre reneguei das series. E non por eses problemas de saúde (adoito ver dúas películas nocturnas, que tamén é tempo suficiente para escarallar as costas e a vista; do exceso de peso non padecerei nin aínda que vexa películas durante días seguidos), senón pola cantidade de capítulos e, o que é peor, que cando pensas que xa rematou todo, ale, aparece ou non tarda en aparecer unha nova temporada. Así e que, mellor película ou dúas películas diarias, coas que me entreteño igual e non estou pendente do que pode aínda pasar.


Como dicía, mañá remata o entroido. Fagámolo con sentidiño e, en caso de ter o demo dentro, sacalo con retranca e que non volva asomar máis ata os próximos carnavais.


Finca Fierro. Sábado, 18 de febreiro de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario