viernes, 24 de febrero de 2023

O INSTRUMENTO MUSICAL

Secundino Troiteiro Pescantín, O Troiteiro por unha vez a xente non matou moito a cabeza para buscar un alcume, colleu da palleira o instrumento musical e asentouno no ombreiro dereito. El chamáballe instrumento musical ó sacho. Porque, ó cavar, facíao con música e producía música.


Primeiro fago un inciso para comentar que, a pesar dos apelidos, Secundino non coñecía o mar e tampouco sabía o que era un río. Vivía na Galicia profunda. Tan profunda que a súa aldea asentaba nun buraco entre montañas tan fondo que case non se vía. A aldea estaba tan profunda que cada vez que chovía con moita intensidade, medio se anegaba, pero sen tempo para criar peixes.

Feita a paréntese, digo que O Troiteiro cavaba ó ritmo da música. Calquera que o vise pensaría que estaba tolo, porque, se nos seus auriculares asomaba un tema de rock, avanzaba polo rego que mesmo semellaba que estaba nunha competición de atletismo. Se o tema musical era unha balada, a súa cavadura era tan lenta que a algún veciño dáballe tempo de botar unha boa sesta antes de que Secundino rematara o rego.

E facía música co sacho porque, el mesmo, intentaba darlle ritmo ou non―, forza ―ou non―, altura ―ou non― ó aparello para que, ó caer sobre a terra ou sobre os pés das patacas ou millo, o golpe semellase música labrega. Ó final, iso si, sempre remataba coa mesma estrofa: un ai, ai, ai, ai de dor nos cadrís. Puto instrumento musical! Maldito sacho!


Café Oren Express. A Valenzá. Luns, 20 de febreiro de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario