lunes, 13 de febrero de 2023

ODISEO, O CARNEIRIÑO

Odiseo Lafuente Fontela era fillo do Machete e neto do Carniceiro, que andou na guerra do 36 alá pola zona de Teruel. Alí colleu unha certa fama porque ós “roxos”... que iso, que lles facía como fan os carniceiros. Rematada a guerra o mesmo Xeneralísimo o condecorou e púxolle unha carnizaría en Baños de Molgas, xusto ó cruzar a ponte vella con destino á Rabaxoá.


A Odiseo chámanlle O Carneiriño, algo que dá a entender que a sabedoría popular ten a súa retranca: carniceiro, machete, carneiro... e algúns familiares máis que, agora, non veñen ó caso; porque o asunto está todo en Odiseo. Un asunto que tampouco é que teña moito aquel, pero...

Pero O Carneiriño estaba pola zona das Costelas e nun despiste que tivera (andaba ós niños das rulas), non conseguía ver ningún animal dos que botara ó monte, desde as tres vacas ata o burro e pasando pola única ovella que tiña, a cal, por certo, non lle perdía pé ó burro. Atopando a este encontrábase a aquela. Odiseo levaba xa un bo cacho asubiando polo can, que tampouco andaba ás vistas. Sabía que se atopaba ó Uriarte, este atoparía ós demais animais. Era un bo cadelo.

Segundo buscaba ós animais, imaxinaba ó seu avó buscando republicanos por entre as matogueiras, desfiladeiros e montes de Teruel. Tamén cruzando a nado o río Ebro. Ante estes pensamentos tiña medo de volverse coma el; pero en vez de “cazar” roxos, esnaquizar animais. Menos mal que estes non tardaron en aparecer. Estaban todos na leira do Sacristán.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 6 de febreiro de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario