domingo, 12 de febrero de 2023

VOLTAS

Dou tantas voltas, tantas voltas que non sei se non marearei a perdiz. E ela que culpa ten das miñas arroutadas. Porque as miñas voltas son arroutos que me dan cada dous por tres, que é o mesmo que dicir moi a miúdo. Dou tantas voltas que en vez de ir polos cerros de Úbeda métome polo Outeiro Barbeiro, que coñezo moito mellor. Vaiche boa!

Tamén dou voltas polo espazo sideral. Só polas noites, que é cando mellor se soña. E se soñar xa é bonito en por si, imaxinade polo espazo sideral. Aquí, nestes soños, hai veces que me atopo con certos alieníxenas ou extraterrestres. Fágome amigo de todos eles. Eu son bo de conquistar. A ver, cando alguén me tira da muxica, da charamela, tamén sei acenderme.


Dou voltas coma aqueles peóns que tirabamos na Aira de Arriba de Baños de Molgas. Faciamos competicións con eles. Quen o tiraba con máis elegancia. A quen lle bailaba máis tempo. A quen lle aguantaba máis bailando na man. Etcétera. Por certo, o tempo contabámolo a base de numerar porque, naquelas épocas, o reloxo era un obxecto prohibitivo. Os peóns eran para os pobres.

Dou voltas polos montes Medo, Pinouzos e Os Castros; polas cidades galegas, polas vilas de Ourense e polas aldeas do meu concello. Dou voltas na cama cando padezo insomnio, ou sexa, todas as noites. Dou voltas pola Valenzá para mirar para os coches e faiados, para a xente e o ceo azul da tarde. Dou voltas por un caderno cuadriculado para choutar dunha liña a outra e formar un relato, este relato.


Café Brétema. A Valenzá. Domingo, 5 de febreiro de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario