miércoles, 15 de febrero de 2023

NECROLÓXICA LABREGA

Lamento comunicar que a poula de toxos quedou limpa coma a patena, logo de que o fouciño que agarraba Toribio Refaixo Luances cortase e matase todas as toxeiras que pillou nas dúas horas e pico da mañá do mércores. Catro pegas e dous corvos cantaron uns responsos pola alma do mato por antonomasia da nosa terra. A condución do carro das gavelas partirá do propio comunal do monte Medo e pasará pola Regueira das Perdices, polo Outeiro Barbeiro, por Entreloríos, pola Pitediña ata a corte do Toribio, que se atopa no medio da vila de Baños de Molgas.


Algún que outro guizo de carballo, algunha xesta, moita frouma, o sedeño, a aguillada, as vacas que turran do carro e o propio Toribio pregan unha pequena muiñeira para que os toxos, ó bailar, se espallen pola corte e sirvan de cama, primeiro, e, logo, de esterco para fertilizar a terra e, sobre ela, sementar as patacas, ou o millo, ou as verzas, ou o centeo. Que o que saia da terra volva á terra.

O asunto parece bastante pándego e algo esperpéntico, pero non o é. O propio Toribio, ó que lle chaman O Guicho, deixa caer de cando en vez algunha que outra bágoa. As primeiras, por ter que madrugar tanto (ás sete da mañá xa estaba dálle que dálle ó fouciño); as seguintes, polos propios toxos (ámaos polo emblema, polo símbolo que representa de Galicia); e as últimas porque, que carallo, doíanlle os cadrís. O esforzo fora enorme. Non obstante, quédalle o consolo de que os toxos valen para o que valen.


Café Oren Express. A Valenzá. Mércores, 8 de febreiro de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario