jueves, 23 de febrero de 2023

O TARZÁN LICÁNTROPO

Chámome Felisindo Quiroga Suevo e son fillo do Pilón e da Orísida. O Pilón, na realidade, é Gumersindo. Non sei que anos teño porque miña nai nunca me quixo dicir a idade; nin onde nacín, nin como nacín, nin o día, nin nada de nada. A miña nai é algo rara; non me bica, non me abraza, non me mira, non me fala. Agora mesmo, polo que vexo e noto, creo que estou na categoría de mozo.

Sendo aínda neno, un día miña nai mandoume ós guizos. Porque a miseria era tan grande que nin había con que acender o lume da lareira. Fun de mala gana, pois non sabía moi ben se traer guizos delgados ou gordos. O asunto deu igual... perdinme no monte. Non me perdín só por unhas horas, senón por semanas enteiras. Tantas semanas que cando me atoparon xa era mozo, xa era como agora. Encontráronme hai pouco máis de catro semanas.


Nesas semanas que andei perdido fíxenme amigo, moi amigo dunha loba. Desde a primeira noite xa. Souben que sería miña amiga cando vin como se lle repuña, como se enfrontaba a un xabaril que andaba a facerme as beiras. A loba non deixaba de mordelo nas patas de atrás. O xabaril non tardou en fuxir. Eu comía da carne que traía a loba. Aínda que, pouco a pouco, tamén aprendín a cazar.

Hoxe en día aínda me sinto un pouco Tarzán e escapo de cando en vez para o monte e así xogar coa loba. Agora a xente chámame O Licántropo.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 15 de febreiro de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario