martes, 14 de febrero de 2023

RUÍDOS

Oín un ruído que me asustou. Hai ruídos que meten medo. O que oín era un ruído inocente, un ruído normal, un simple ruído. Era o golpeo dunha bombona de butano contra o remolque dun camión. Era ese ruído de cando o home que carrexa as bombonas pousa o obxecto sen moitas contemplacións. Xa digo, un ruído coma outro calquera. Pero asustoume. Non tardei en sorrir ante o meu propio susto.


Os ruídos que meten medo adoitan ser eses que non sabes de onde proceden. Hai xente e, sobre todo, os cans que lle teñen pánico ós ruídos dos tronos. A miña nai gozaba con eles; a min gústanme. Eu gozo máis co ruído das tracas pirotécnicas. Na traca do rosario da aurora das novenas dos Milagres río e mesmo chouto de gozo.

Impresionoume e case podo dicir que pasei medo ante o ruído daquel tremor de terra ou daquel terremoto que apareceu pola noite na cidade de Ourense o día 22 de maio de 1997, cunha magnitude de 5,1. Aquel ruído foi o que máis me abraiou, incluso moito máis que notar ou ver como se movían certos obxectos no piso no que vivía.

Odio o ruído das motos sen tubo de escape. Molestábame e dábame pena o ruído dos porcos de cando se celebraba a matanza. Tamén me molesta o ruído dentro dun recinto pechado, xeralmente no coche. Hai ruídos que meten medo, pero hai un ruído que me leva ó ceo: o ruído do mar. Este compensa a todos os demais ruídos.


Café Oren Express. A Valenzá. Martes, 7 de febreiro de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario