jueves, 10 de noviembre de 2011

O BERRO DO EIXE


              A vida é coma a curvatura do ladral cando o carro vai baleiro. Móstrase entre os estadullos e móllase coas pingas de auga que caen das nubes negras. A vida é o berro do eixe do carro cando este vai cheo de toxos ou cando os sacos pesan por culpa das memorias labregas. A miseria pesa na alma e os recordos déitanse sobre as pallas que cobren o estrume. Acouga xa o carro na palleira co pinallo bicando o chan e saboreando a nostalxia dun día de traballo. A vida é o silencio nocturno entre aparellos de labranza e sentimentos de pantalóns curtos. Corre o rato por entre as espigas do millo e xeme o mango da aixada ó incharse por culpa da auga. Hai palleiras que acumulan soños dun neno labrego.

              Café Tizona de Ourense. Mércores, 9 de novembro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario