viernes, 11 de noviembre de 2011

UNHA ESTAMPA PARA RIR


              Cada vez que a profesora Cristal Ridruejo tiña ximnasia no seu colexio, adoitaba obrigar aos seus cativos (nenos de quinto de primaria) a que se ducharan sen escusa ningunha. Non lle importaba quitarlles uns minutos de xogos ou exercicios con tal de que remataran limpiños a súa clase. E xa sabemos que os houbo, que os hai e que os haberá remisos a mollar a pluma, ou sexa, a pel. Nunha das ocasións atopouse cunha estampa desas coas que escacha un de risa. Cando pasou a controlar un pouco os barullos que se adoitan levar a cabo nesas situacións, viu o que nunca vira nin o que nunca imaxinara; a un neno cun paraugas aberto baixo a ducha. “Neniño, ¿por qué estás co paraugas aberto?”, preguntoulle con xesto forzado para evitar a risa que estaba a piques de choutar da súa gorxa. “Profe, é para disimular, para que pensase que me estaba a duchar realmente”. E díxollo todo inocente, con cara de anxo e cun pouco de colorete nas súas fazulas, nas súas meixelas. Cristal Ridruejo nin o recriminou nin o gabou; sinxelamente marchou de alí rapidamente para non rir diante do cativo.

              Finca Fierro. Venres, 11 de novembro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario