martes, 9 de octubre de 2012

ENTRE COUSAS ANDA A PAROLA



              As túas cousas e as miñas cousas non son as mesmas. As túas cousas son túas e as miñas son miñas. Non é o mesmo un repolo que un bacallau. Así lle razoaba o saltón ao verme luceiro nunha tarde de outono. O verme luceiro non brillaba porque estaban a parolar a pleno sol. O saltón, polas noites, non se atreve a saír de debaixo da folla ou da herba sobre a que encaixa. Tampouco ten nada que ver unha nube cun peido, contéstalle agora o verme luceiro. Eu nunca dixen que as túas cousas e as miñas foran as mesmas. Tes toda a razón, replica o saltón; era tan só un dicir, unha forma como outra de iniciar contigo unha conversa. Ás veces es malo de pillar... como só se te ve de noite. Pois nada, agora aquí me tes e parolamos sobre o que queiras. Pero os dous quedaron mudos ata que chegou a noite. O saltón acubillouse baixo unha pedra e o verme luceiro marchou a brillar nos camiños.

              A Cervexaría de Maceda. Luns, 8 de outubro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario