sábado, 6 de octubre de 2012

POR COMPROMISO



              Hai que saber o que significa a palabra compromiso. Sinceramente, agora mesmo estou a escribir para este recuncho por compromiso. Pois por ganas, hoxe, estas brillan pola súa ausencia. Fundidiño por completo! A vendima. Tres días seguidos collendo centos de cestos e caixas. Agachado. Tres días seguidos cortando uvas. Agachado. Pero o que peor levo, o que máis me esgota é cargar os camións. Aí faise a un ritmo frenético. Para que non espere. E os meus brazos que son como palillos. E os riles que se dormen, que non senten xa nada. E a hernia inguinal que se incha como a barriga dun cabalo, con medo a que rebente. Pero o Recuncho hebdomadario de La Región está á espera, e hai que facer de tripas corazón para cumprir co compromiso. Sinceramente, estou baldado. Si, ao principio, todo empeza con bromas, con risas, incluso con cantos; estás en familia e con amigos íntimos. Pero xa polo mediodía do primeiro día notas cómo o sorriso se che apaga, como a boca se seca, como o cuspe xa non sae. Chega a noite e o propio cansazo non te deixa durmir ben. E volta ao ora pro nobis do día seguinte. Outro sufrimento: tres días sen ler os xornais. Síntome baleiro por non saber o que acontece no mundo. Maldita vendima! De bonita… nin un pelo!

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense
              Venres, 5 de outubro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario