martes, 23 de febrero de 2016

A CARBALLEIRA DOS SENTIMENTOS


              Alí está a rula pousada na galla dos castiñeiro. Contempla a inocencia dunha bolboreta e peitea sobre a nostalxia dunha gaiola que deixou hai xa moito tempo. Sempre quixo ser libre para soñar con aquilo que un día a namorou. Ante o ruído dunhas follas que se moven polo vento, a rula emprende o voo e voa cara á memoria das noites de silencio e cara ó resplandor da lúa vella. Mira para a esquerda, mira para a dereita e sabe que por algún lado asomarán os recordos de cando a melancolía acougaba sobre as súas ás grises. Hai momentos na vida que chega con sentilos. Hai distancias dun castiñeiro a un carballo nas que acontecen eventos que ninguén se imaxina ata que os vives cos ollos presos nun lapso de tempo. Tamén a rula quere viaxar sobre unha nube de algodón branco. Acouga no niño e, nel, a esperanza ten as ás pintadas coa semente dun poema que alguén lle escribiu desde o infinito e máis alá. A rula deixa que os ollos se lle vaian pechando, segundo a noite proxecta sombras sobre a carballeira dos sentimentos. Oxalá saiba que logo dun día chega outro e que a vida pode ir máis alá dun voo que a espera ó espertar a alba.


              Café O Chicote da Valenzá. Martes, 23 de febreiro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario