Saíu
á palestra dos medios de comunicación porque alá polo ano 1996 inventou un
calculador pedagóxico para a suma e a resta, que consistía nunha base con dúas variñas
iguais en tamaño e sección, paralelas entre si e perpendiculares a dita base e
20 elementos inseridos perforados no centro, podendo introducir 10 como máximo
en cada variña. Cada cinco elementos teñen unha mesma cor diferente ós
restantes grupos. Este calculador ten aplicación no campo da ensinanza do
cálculo nos niveis de educación infantil, primaria e educación especial.
Mais
Ambrosio Borrajo Conde asoma ós papeis deste xornal, non por esa patente, senón
porque xa de rapaz demostraba que ía para mestre, que a actividade da docencia
semellaba que era o seu. Cando un servidor foi á escola da vila, ás antigas
escolas, Ambrosio era o veterano da mesma, porque alí mesmo, baixo a batuta de
don Graciliano estudou o bacharelato elemental, o superior, o maxisterio e co
mestre incluso preparou a oposición. Entón, cada vez que o mestre fallaba (por
enfermidade, por viaxes ou por calquera ausencia), Ambrosio Borrajo era quen se
encargaba das clases. Ás veces coa axuda inestimable do Pedro de Almoite, outro
veterano.
Non
fará falta dicir que con Ambrosio existía outro ambiente, outro comportamento
moito máis relaxado. A ver, tíñaselle respecto, pero, quéirase que non, era
rapaz (por moito que tivese seis ou oito anos máis), era veciño, era bo e xa se
sabe, onde hai confianza dá noxo. Os recreos eran máis longos e as falcatruadas
na clase saíanse de nai. Logo, para máis aquel, como o meu irmán Manolo era moi
amigo de Ambrosio e máis ou menos da mesma idade, a confianza miña co
protagonista deste relato ía algo máis alá do habitual. Incluso algún verán
cheguei a ir ata a súa casa ás clases particulares, pola amizade co irmán e
porque un servidor sempre foi un nugallán para os estudos.
Ambrosio
Borrajo Conde, logo de aprobar a oposición e “por decreto” tivo que marchar
para Asturias, a darlle clases ós mineiros de Hunosa, en Sama de Langreo, onde
lle aconteceron toda clase de anécdotas. Xa se sabe que o labrego e o mineiro,
antigamente, de estudos nin cheiralos; o analfabetismo rebentaba as táboas, as
enquisas da sociedade. Alí estivo dous anos ata que marchou á mili, a Ceuta,
lugar tamén moi propicio para o analfabetismo. A ver, quen ía para as prazas
españolas de África! Seguro que os ricachóns non. Por iso Ambrosio seguiu
botando man do seu saber para ofrecerlle unha vida mellor ó pobre soldado.
Rematada a mili pasou a Xixón, concursou para Avilés e, por fin, empezou a
achegarse á súa casiña: primeiro botando 14 anos no Ferrol e no 1991 asentou
definitivamente no colexio público de Allariz, onde empezou a refugar aínda
máis na actividade educativa, creando e impulsando xogos arredor das
matemáticas e pateando os montes na procura de petróglifos e doutras sinais
coas que descubrimos a nosa propia historia.
Ambrosio
é un home que, culturalmente, non para. Sempre anda na busca e captura de algo
que se poda estudar ou divulgar ou ensinar. Férvelle a actividade da docencia.
Aínda lembro o día que me entrou na oficina para que eu indagara algo sobre
unha película que se rodou polo concello de Baños de Molgas alá polo ano 1970.
Andamos niso.
Café
Oren Express da Valenzá. Luns, 8 de febreiro de 2016
Publicado en La
Región o venres, 26-02-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario