Todos
ó nacer asomamos chorando, polo que ó longo da nosa vida necesitamos aprender a
rir. Se non sabemos, hai un dúo que nos ensina. Menos mal que eu xa sabía rir,
porque creo que son de risa fácil; pero se non soubese, seguro que escachaba
igual vendo a Mofa e Befa, ou o que é o mesmo, a Evaristo Calvo e Víctor
Mosqueira. A palabra escachar incluso se queda curta; eu máis ben diría chorar.
Porque non me importa confesar que o día 4 de decembro, cando os vin actuar,
máis dunha vez chorei coa risa.
Representaban
a obra “Cociña Económica”, na que se recrea un estudio de televisión no que se
está gravando un programa de cociña. Realizan pratos de cociña tradicional e
internacional utilizando, faltaría máis, refugallos extraídos de colectores, xa
que o lema do programa é “Todo se come. Nada se tira”. O presentador, Mofa,
conta cun invitado especial, o tío Reveriano, quen preparará unha receita
caribeña cos ingredientes que trae nunha bolsa de lixo.
Non
obstante, antes dese preparado especial da cociña tradicional, hai uns sketchs
nos que foi onde realmente me partín de risa. Versaban en elaborar unhas
receitas coas vogais do abecedario. Semella unha trapallada, verdade? Pois hai
que ter bemoles para falar durante uns longos minutos dunha receita e da súa
propia preparación usando tan só, por exemplo, a vogal “e”. En cada palabra que
usaban non existía ningunha outra vogal. E, ollo ó dato!, tanto Evaristo como
Víctor falaban á velocidade da luz. Sempre usando unha soa vogal! Si, pódese
dicir que son actores e que teñen a memoria acostumada a recitar textos. Pero
hai textos e textos. Os de Mofa e Befa semellaban moitas veces auténticas
trabalinguas, e con tan só unha vogal!
Nos
sketchs das vogais “e” e “o” escachei coa risa. Pero foi ó cuspir receitas coa
vogal “a” cando pensei que me partía e cando os ollos se me encheron de
orballo. Non me sae da cabeza a palabra machaca!, machaca!, machaca!; e a imaxe
de Víctor Mosqueira dálle que dálle á palma da súa man esquerda.
Evaristo
Calvo e Víctor Mosqueira formaron o dúo Mofa e Befa no decembro de 1992, hai 23
anos, e desde aquela traballaron en multitude de espectáculos humorísticos,
chegando incluso a rodar unha curtametraxe muda en 1995: “Mofa e Befa en Gran
liquidación”, dirixidos por Jorge Coira. Ó mesmo tempo, tanto xuntos como por
separado, compaxinan os seus espectáculos con outros proxectos televisivos,
desde series galegas como “Mareas vivas” ata cruzar o Padornelo para participar
en series de, principalmente, Antena 3.
Evaristo Calvo Valcárcel,
coruñés nado en 1961, tamén cofundou varias compañías de teatro e participa en
guións para a televisión. José Víctor Lorenzo Mosqueira, que naceu en Corme (Ponteceso)
o 9 de abril de 1962, rodou así mesmo longametraxes co citado Jorge Coira, con
Patricia Ferreira e co alemán Hannes Stöhr en “Galatasaray-Dépor”.
Agora
tan só queda esperar que, como Mofa e Befa, asomen de novo por algún escenario
da contorna para ir correndiño a escachar ou chorar coa risa. Sóame de que van
actuar no Barco o 4 de marzo e na Rúa o 27 do mesmo mes. Se queredes aprender a
rir, non os perdades. Seguro que rides!
Café
O Chicote da Valenzá. Domingo, 13 de decembro de 2015
Publicado en La
Región o venres, 05-02-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario