viernes, 29 de abril de 2016

ANTES DE CRISTO E DESPOIS DE XESUCRISTO


            Acabouse o que se daba. É dicir, empeza de novo a farsa, a gran trapallada dunhas eleccións que se vían vir. Dunhas eleccións que desganan a calquera. O tempo seguro que o dirá. Non sei, pero dáme a sensación de que haberá unha gran abstención. Porque todo cansa. E logo do esperpento destes meses, aínda máis. Pero, tranquilos, a eles todo lles dá igual. Saben que ou uns ou outros, con abstención ou sen abstención subirán á palestra e farán e desfarán ó seu antollo... á conta dos pombos. E a vivir, que son dous días! Aquí e en Panamá.
            Século XXI. Non hai maneira. A xente segue a matarse como antes de Cristo e despois de Xesucristo. En Siria andan niso. Pechan os ollos, lanzan as bombas e que caian onde Alá queira. Que, xeralmente, mirade por onde, non adoitan caer en ministerios nin arsenais nin residencias políticas, van caer xustiño, xustiño nunha escola ou nun hospital; como aconteceu o outro día no hospital de Alepo. Ó mellor pensaban que alí se acochaban as armas ou as tropas inimigas. En todas as guerras sempre pagan os xustos polos pecadores. Ou sexa, empézanas os pecadores e morren os xustos. En todas. Como Deus e Alá mandan.
            E os grandes organismos da... paz? crúzanse de brazos. Non vaia ser que molestemos a tal ou cal potencia na súa venda de armas. As guerras, a maiores dos xustos e pecadores, tamén son para iso, para levar a cabo o gran negocio do armamento. Ale, veña, guerras a esgalla. Que importa o século! Que máis dá a cantidade de mortos! Que paguen os xustos!


            Cafetaría Pabellón de Ourense. Venres, 29 de abril de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario