miércoles, 13 de abril de 2016

BOLBORETA NA FLOR DO SOÑO



            Quere meu soño converterse en bolboreta, pero o toxo da ignorancia faise dono e señor da habitación dos silencios. Sempre haberá silencios na algarabía dos pensamentos. Quizais nunca pensamos que un verbo ben escrito pon ó suxeito no seu lugar. Ó mellor é ó revés. É igual; o caso é que o verso entre ben no poema.

Quere a lúa acomodarse no firmamento, cando,ela, a pobre, foi sempre a culpable do meu entendemento. A lúa sorrí e chíscame un ollo. Non é necesario que o faga. Eu ben que a comprendo. Sempre a entendín. Quizais porque desde neno e desde calquera outeiro do monte Medo non lle perdía ollo nas noites de inverno. Alá, no alto, brillando, e ensinando o camiño dos sentimentos. Hai sentimentos que van máis alá do firmamento. Eu que sei, ata o infinito e máis alá. Por exemplo.
            Quere a noite ser raíña do meu sono. Pobre infeliz! Non sabe que entre o sono e o insomnio hai un libro enteiro. Escrito cos latexos de tinta azul e cos suspiros caendo en todos os parágrafos. Palabra a palabra, liña a liña a vida pasa. Mentres, na habitación, os pensamentos quedan en calma. Sigo intentando ser bolboreta na flor do meu soño.

            Café Oren Express da Valenzá. Martes, 12 de abril de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario