Home rico, home pobre. Branco, negro. California, corno de
África. Anverso, reverso. Ateo, relixioso. Paio, xitano. Bruxelas, Paquistán.
Aquí quería eu chegar! Non é o mesmo un atentado en Bruxelas que un atentado en
Paquistán. Non é o mesmo uns mortos europeos que uns mortos do Oriente Medio
(para que rime). Aínda que as bombas ou as balas fagan o mesmo dano, o tal dano
non é igual nun lugar como no outro. Vaiche boa! Días e días os medios de
comunicación dálle que dálle con páxinas e máis páxinas sobre o atentado de
Bruxelas, mentres o atentado de Paquistán ocupaba un recantiño de nada. Certo,
o primeiro día, ó mellor, ata chegou a encher unha folla, unha páxina enteira…
pero por catro ou media ducia do de Bruxelas. Neste ata chegamos a saber das
vidas e das obras dalgúns falecidos. Sobre as xentes de Paquistán, pobres
infelices!, a quen se lles ocorre pertencer a eses países, se mesmo semellan
uns salvaxes, que andan sempre a tiros. E mira como visten. E mira como oran.
Como se, por exemplo, as procesións nosas de Semana Santa se destinguiran moito
dos fanatismos, que se din, desas xentes.
Bruxelas, Paquistán. Tamén só se me ocorre a min comparalos. Os
países. Os atentados. As xentes. As culturas. Chito, por Deus, mira que che
gusta buscarlle tres pés ó gato. Que terá que ver a xente de Paquistán coa de
Bruxelas. Pero ti non ves que sempre se están pelexando. Europeo, Oriente
Medio. Capitalista, miserento. País civilizado, país inculto ou bárbaro ou
salvaxe ou ignorante. Cala, oh, mira que es furafollas, cachafello.
Finca Fierro. Venres, 1 de abril de 2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario