jueves, 14 de abril de 2016

AS COMUNICACIÓNS DA ADMINISTRACIÓN




               As comunicacións da administración adoitan ser enmarañadas, longas e non aptas para calquera paisano. Entendo que teñan que seguir unhas pautas e citar unha morea de leis e decretos e normas e artigos, pero isto chegaría con citalo se o paisano fixera algunha reclamación, se o paisano se puxera bravo, e punto.
Poño un exemplo:  a un gandeiro comunícanlle por carta que vai cobrar por tal subvención, tanto. Mirade cómo será a comunicación que todos, e digo todos, se presentan na oficina correspondente para que os funcionarios lles digan sobre qué vai esa carta. Estes, ás veces, quedan coa boca aberta e vense nunha apurada para explicarlles a realidade da carta, da comunicación. É dicir, que para cobrar o paisano 100 euros, por exemplo, mándanlle unha andrómena, unha leria que non entenden e que os fan perder unha mañá para que un funcionario lles explique (se este entende) ese pago. Co sinxelo que sería poñer: tal subvención de tal ano con este importe. Nada máis. Xa está. Que logo o paisano se pon farruco; pois segundo a lei tal, do real decreto cal, no seu capítulo xe, do seu artigo zeta dálle que dálle. Neste noso país, en vez de facilitarlle a vida á xente, complicámoslla de tal maneira que, despois, é normal que nos acusen do que nos acusan. A administración debería ser a sombra do paisano e non o sol que queima.

               Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Martes, 12 de abril de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario