Hai
dous asuntos sobre os que non me amarga nada escribir: Baños de Molgas e o
cine. De Baños de Molgas hai escritos por aí a moreas (e os que haberá) que
amosan o meu amor, cariño e nostalxia polo lugar que me viu nacer e crecer. Do
cine, basta con dicir que este xornal tenme reservada unha columna todos os
sábados para que deixe caer críticas ou ruxerruxes sobre a sétima arte. E como
afeccionado que son ó cine, eu xa coñecía a Ignacio Vilar, principalmente polo
filme “Pradolongo”, que penso que foi o que realmente o deu a coñecer ó gran
público. Logo xa, no ano 2012, rodou “Vilamor” e pasou pola Valenzá a
presentala. Porque aquí hai que sinalar que cando empezas, e máis se é nunha cidade
que está no cu do mundo (Galicia), non che queda outra que patear todo aquilo
que che deixan trepar; desde bibliotecas ata baixos miserentos nos que poidas
presentar a túa obra, sexa unha exposición de algo, unha obra de teatro, unha
actuación musical ou unha película cinematográfica.
E
Ignacio Vilar é dos que pasean de carallo o camiño. Acaba de demostralo co
bombazo de “A esmorga”. Bombazo que, penso, moito estivo niso, nese percorrer
escuro e duro por toda a xeografía galega, española e incluso boa parte da
forasteira. Se mesmo semellaba un acaparador de votos para unhas eleccións: de
porta en porta. Ignacio Vilar presenta os seus filmes aquí e alá porque el ben
sabe que no noso país se non es un ianqui cinematográfico telo negro.
Pero
grazas a este tesón, a este traballo que moi pouquiños ben (só vemos a butaca e
a pantalla branca na que asoman imaxes que nos fan soñar espertos), hoxe, e
grazas a Deus, Ignacio Vilar xa case ou sen case pode presumir de ser un
director consagrado na cinematografía nacional. Creo que non esaxero se digo
que hoxe é un dos mellores ou o mellor director de cine que ten a provincia de
Ourense.
Porque
Ignacio Vilar naceu na aldea de Castrofolla, en Petín, no ano 1951 e por aqueles
anos as aldeas eran as mellores escolas para un cativo. Bastaba con prestarlle
un chisquiño de atención “ós máis vellos do lugar”, como se adoita dicir, para
imprimir das súas parolas toda unha enciclopedia. E seica o noso protagonista
lle prestaba realmente a atención. De aí a súa afección polas historias. E
polas novelas. Descubriu “A esmorga” no colexio dos Maristas, o libro de Blanco
Amor que tiñan moi pouquiños pais que traían de Arxentina, porque no noso país
aínda estaba prohibido. Di que o libro o marcou. E tanto debeu facelo que aí está:
gran homenaxe a que lle fixo rodando unha moi boa película moitos anos despois.
Estudou
cine en Barcelona e empezou como montador para ir pouco a pouco cara ó
documental. No ano 2008 é cando se afasta do documental para rodar “Pradolongo”
e catro anos máis tarde a xa citada “Vilamor”, a causante de que, na súa
presentación, un servidor coñecera persoalmente a este director que xa lle está
dando moitas alegría ó cine galego, feito en galego e para o mundo enteiro.
Porque as imaxes ben rodadas vense igual en Baños de Molgas, en Petín ou ata na
lúa inversa. Outra cousa é chegar alá, ó satélite. Estes ianquis...
No
1991 fundou a produtora Vía Láctea Filmes e con ela anda a traballar no seu
novo e, por agora, último proxecto: “Sicixia”, que ten como principal escenario
a Costa da Morte e algunhas escenas en Sabucedo coa súa famosa Rapa das Bestas.
O título provén dun termo de astronomía que nomea a posición na que os centros
do sol, a terra e a lúa están en liña recta. Esperámola con ansia. Como el esperaba
as historias que se contaban baixo as lareiras das casas.
Café
Oren Express da Valenzá. Luns, 22 de febreiro de 2016
Publicado en La
Región o venres, 08-04-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario