sábado, 30 de abril de 2016

CORRE, CORRE, QUE TE PILLO


            Corre, corre, que te pillo; díxolle a vacaloura á tartaruga cando ían as dúas pola carreira de Bouzas, na vila de Baños de Molgas. A tartaruga mirouna de mala maneira e case lle cospe nun ollo. Non obstante, fixo un pouco máis de forza nas patas e ata coa punta da cola conseguiu empurrar uns centímetros que case a lanzaron a medio corpo da vacaloura. Esta, desdeñosa, deixou asomar un sorriso e espetoulle outro corre, corre, que te pillo. Uuuii, que carallo!, rosmou o sapoconcho, ti andas a alporizarme.
E realizou o nunca visto: fixo que chocaba contra un coio que estaba no medio e medio da carreira.Ante o impacto envorcou con tanta mestría e precisión que caeu cara arriba por enriba da vacaloura. Oíuse algo así coma un pequeno estoupido. Corre, corre, que te pillo; foi agora o sapoconcho o que gargallou, mentres, nun alento, nun alustro a súa satisfacción, o seu orgullo e o seu sorriso empezaron a amosar signos de preocupación. Caeu na conta de que quedara coa barriga cara arriba! Manda carallo!, e agora como fago? Tanto orgullo, tanto celo entre dous contendentes, que un estaba morto e o outro... o outro a piques de morrer.


            Cafetaría Pabellón de Ourense. Venres, 29 de abril de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario