viernes, 25 de noviembre de 2016

AÍNDA SIGO NERVIOSO



Aínda sigo nervioso, moi nervioso. Polo pasamento de Rita Barberá. Principalmente polo famoso minuto de silencio. Canta hipocresía hai en algúns! Hai pouco crucificárona ó botala do partido e, agora, queren alzala, queren teñela como unha mártir. Outros falan que, por decencia, non se deberían dicir tales ou cales cousas. A eses outros habería que preguntarlles se ela tiña a mesma decencia cando actuaba como actuou. Porque, por se non o saben (saben, saben), esa señora estaba imputada. Digo eu que por algo sería. E, por suposto, eu tampouco gardaría un minuto de silencio. Nese minuto deixaría de facer cousas, e ela... carallo se fixo!
Aínda sigo nervioso, moi nervioso. Black Friday. Viernes Negro. Venres Negro. Así, nos tres idiomas. E nos tres usamos tan só dúas palabras. Mannequin Challenge. Desafío Maniquí. Desafío Manequín. Tamén nos tres idiomas. E tamén nos tres, outras dúas palabras tan só. A ver, por que raio usamos as inglesas? Quere alguén dicirme por que usamos as inglesas? A que veñen entón os estudos, análises, ensaios, reportaxes, informes, crónicas e artigos dos medios de comunicación sobre a problemática do galego? Outros farisaicos! Porque se lles chamamos Black Friday e Mannequin Challenge é porque os medios de comunicación nos bombardean con eses termos. Se queren escribir en inglés, que non se preocupen, entón, tanto polo galego. Por certo, a estupidez do Mannequin Challenge merece outro relato á parte. Escribireino.

Café O Chicote da Valenzá. Venres, 25 de novembro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario