Empecei a coñecer a Rubén Riós nas
noticias que asomaban nos xornais sobre as películas de Ignacio Vilar, e aínda
que ó principio non o vía como actor protagonista por aquilo da súa xuventude e
do que eu pensaba falta de experiencia, axiña me dei cun canto no peito cando o
vin en “Vilamor”. E foi aí, ó presentar o filme na Valenzá, cando xa o coñecín
persoalmente co típico saúdo da miña presentación para escribir, máis tarde, a
crítica do filme. Ata que volveu presentar, outra vez na Valenzá, o seu
proxecto “Vida” e “Máis ca vida”. Aí xa me deixou tan apaiolado, tan apampado
co seu traballo que non me quedou outra que volver a presentarme para unha
futura reportaxe nesta miña sección. Esta reportaxe.
Sabía que me sobraban os datos que
me cuspira o San Guguel para falar de Rubén Riós, pero por outra banda tamén
tiña ganas de quedar con el, de falar con el e escapar un chisco desa vida que
pode descubrir ou consultar calquera. Así é que hai uns días quedei con el no
Liceo ourensán. Durante unha hora xusta. E que hora! Intensa, exhaustiva,
emocionante e sincera.
Meu Deus!, se eu saín do Liceo coa
cabeza fervendo, non quero pensar como está a del. Porque é un home, un rapaz ó
que os miolos non lle acougan. Ten a súa cabeciña chea de ideas! De boas ideas!
De ideas que, para máis aquel, lévaas a cabo. Que xa é dicir. Non me estou
referindo só á sétima arte, senón ó amor que lle tributa ó medio rural, ó mundo
infantil, e a ese carácter solidario, fraternal que foi o que máis me engaiolou
e conmoveu durante a conversa do Liceo..
Aínda que xa mo demostrara con
“Vida” e “Máis ca vida”, curtametraxe e documental cun forte marcado carácter
social e cultural, protagonizado por persoas con capacidades especiais e tamén
con grandes actores do panorama galego como Luis Iglesia, Cristina Castaño e o
máis coñecido Javier Gutiérrez, entre outros.
Rubén Riós chámase en realidade
Rubén Rodríguez Rodríguez. O de Riós xa intuídes de onde vén... de que naceu
nese concello da nosa provincia en 1980. Alí creceu e estudou ó mesmo tempo que
lle botaba unha man ós pais no ultramarinos que tiñan. No ano 2000 ingresa na
Escola Municipal de Teatro de Vigo, onde durante tres anos estuda arte
dramática. Axiña empeza a traballar en programas e series da TVG. Catro anos
máis tarde entra na mítica serie “Libro de familia”, que foi onde se deu a
coñecer. A partir de aí chegaron as rodaxes con Ignacio Vilar: “Pradolongo” e
“Vilamor”.
No 2007 sae da súa cabeza o Festival
das Artes Escénicas de Riós, que tres anos máis tarde, co falecemento do actor
Abelardo Gabriel, pasa a chamarse Festival das Artes Escénicas Abelardo
Gabriel, como homenaxe ó seu íntimo amigo e practicamente mestre. Recordo que
cando naceu ese festival engurrei un chisco o fociño porque me dicía que un
festival desas categorías en Riós... non sei, non sei. Alégrome errar nos
desconfiados e suspicaces pensamentos; porque hoxe en día o festival segue. E
con éxito.
Como auxe está collendo a súa faceta
no sector agroalimentario, máis en concreto, sobre o castiñeiro, ese produto
tan noso e tan milenario. Como di el: Se
Cannes teñen as palmas e Nova York o paseo da fama, por que Riós non pode ter
un evento nos soutos dos castiñeiros? Se Rubén Riós di isto é porque se pode.
Porque el pode. Vaia se pode! É incombustible!
Non teño espazo para falar de todos
os seus proxectos, de todos os seus traballos por facer, de todos os seus
premios, que os tivo e os que aínda lle caerán. Só me queda recomendar que se
algún día o podedes escoitar, non deixedes de facelo. Labia, locuacidade ten a
Deus dar e veredes que dos seus xestos, dos seus ademáns e do brillo dos seus ollos saen bosquexos ou
esbozos que axiña se farán realidade. Á parte de convencerte, cumpre. Ánimo,
rapaz, e tira para adiante! Es incrible!
Finca Fierro. Domingo, 30 de outubro
de 2016
Publicado
en La Región o venres, 11-11-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario