Hai poucas semanas saía nestas
Testemuñas da Memoria unha reportaxe sobre un dúo musical (Blues do País) que
versionaba, con moita retranca, temas do blues e do jazz. Hoxe tócalle a un
cuarteto que versiona, con moita brincadeira e máis simpatía temas venerados
polas masas e maltratados pola historia. Estou a falar de De Vacas, o grupo
vocal formado pola Pinta, a Marela e a Morena (segundo a cor de pelo de cada
unha), ó que se lle agregou o guitarrista Guillerme Fernández, que foi un dos
fundadores e compoñentes de Berrogüetto, ese grupo que xa é historia viva na
música galega.
A ver, cando De Vacas asomaron coa
su actuación pola Valenzá, desde un principio, souben que tiña que velas, aínda
que só fose polo nome. Tireime media vida entre vacas e a outra media aínda se
pode dicir que sigo con todo o relacionado con elas. E iso, quéirase que non,
ata, ata moito. Sempre fun un admirador das vacas. Como di a Pinta: "identificámonos
con elas, co seu ritmo lento e con toda a vinculación que ten coa nosa cultura
e coa nosa contorna". Principalmente con todo o que representaron para o
rural galego. Ata penso que as vacas, en tempos, foron o sustento de todo un
país, do noso país.
O grupo De Vacas naceu o ano pasado,
2015, coa idea de facer un grupo de versións unicamente de cancións das Spice
Girls, das que aseguran que foron un referente da súa infancia. Pero tan axiña
como o guitarrista Guillerme se uniu ó trío feminino convenceunas para ampliar
o abano musical. E daquela fan versións todo o que se pode versionar, desde
cancións en coreano ata o inglés, pasando polo romanés, brasileiro, castelán...
e galego, faltaría máis!
O traballo que levan a cabo adoitan
dividilo en dúas fases: a primeira é a máis complicada, que é a de elixir os
temas, que ademais teñen unha produción marcadamente comercial. Teñen que
extraer a esencia e darlle un carácter persoal sen desvirtuar a canción.
Despois, na segunda fase, entra a parte vogal, na que aparecen, claro está,
Faia, Inés e Paula, que bordan as versións porque, a maiores de ser guapas de
carallo, cantan coma os anxos.
Hai un ano tan só que empezaron,
pero xa son todo un fenómeno, grazas ás actuacións que levan a cabo por cada
recanto das aldeas, vilas e cidades e, principalmente, pola Internet, o mellor
medio de comunicación existente hoxe en día. De aí que, en principio, hoxe
aínda non teñan intención de gravar ningún disco. Quérenlle ó público e débense
ó público. En directo. Como debe ser.
Paula Romero (A Morena) naceu en
Santiago de Compostela e ós catro anos xa comezou apuntándose ás clases de
pandeireta e canto tradicional galego que ofertaban no seu propio colexio. Logo
estudou canto moderno e coñeceu ás súas dúas amigas cantando no Coro da Ra.
Faia Díaz (A Pinta) tamén naceu na
capital de Galicia e na súa casa hai unha vinculación moi forte coa música.
Lóxico!, o seu pai é un dos compoñentes de Fuxan os Ventos. (Neniña, nos anos
oitenta, os veciños do edificio no que vivía eu en Madrid tiveron que quedar de
Fuxan os Ventos ata os mesmos "cataplíns", porque as súas cintas
facían ferver a miña casete; practicamente todo o día con Fuxan os Ventos a
voltas). Faia estudou no conservatorio algo de piano e tamén canto lírico.
Inés Salvado (A Marela), tamén de
Santiago. Os seus estudos colleron o camiño do audiovisual e das artes
escénicas. Ós nove anos meteuse no conservatorio para estudar clarinete. Na
Universidade descubriu o Coro da Ra e pasouse á música vogal.
Guillerme Fernández é o único do
cuarteto que non naceu en Santiago, fíxoo en Vilagarcía de Arousa. Igual que
Faia, na súa casa tamén se vivía a música. e confesa que grazas ós vinilos do
seu pai o seu achegamento á música foi total. E tanto!, pois como xa dixen, ser
fundador e compoñente de Berrogüetto non é moco de pavo. A maiores, tamén
colabora con Xabier Díaz, Espido e Guadi Galego, que tamén xa son palabras
maiores.
De Vacas, un grupo de versións malas
para acomodalas en plan de coña a uns termos lúdicos e que van moito máis alá
das súas queridas Spice Girls.
Café Oren Express da Valenzá.
Domingo, 23 de outubro de 2016
Publicado
en La Región o venres, 04-11-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario