domingo, 27 de noviembre de 2016

EN CADA ENGURRA


En cada engurra da cara da miña nai vexo unha loita sen cuartel por entre as patacas da Cortiña e nos carros de herba que cargaba. Cada salouco dela era unha nostalxia de todo o que perdeu. Pero cada sorriso era como un extra naqueles tempos nos que non había moitos motivos para sorrir. Non obstante, logo de estar nunha leira enlazaba coa pota do caldo e ó mesmo tempo acomodaba os porcos. Sentaba na mesa cando xa catro badocos refregaban os platos, para, logo, uns coller camiño da sesta e outros da taberna, mentres ela... Ela tiña que seguir coa faena. Que remedio!
En cada engurra das súas mans había aloumiños de infancia e había sachos que pesaban e fouces que cortaban. En cada palabra súa había unha semente que caía nos nosos regos para que o froito asomase con forza nas nosas vidas. Non son quen para dicir se o conseguiu. Só sei que vexo as súas engurras e detense o tempo.

Finca Fierro. Domingo, 27 de novembro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario