martes, 8 de noviembre de 2016

OS PALLEIROS DA INOCENCIA


Deixo que o aire circule por entre os pensamentos dun soño, mentres o canto dunha chicharra vaia de aquí para alá ou dun lado para o outro. Nunca se sabe ben por que cando cambiamos de dirección o facemos practicamente de forma repentina. Quizais o instinto pica nas neuronas da memoria ou a inercia opta por ir por libre. Deixo que o aire leve o po dos meus recordos, porque non sempre adoitamos lembrar o que fixemos. Ás veces tamén é certo que non facemos, que deixamos que a nugalla se apodere da nostalxia. Ou da melancolía. E co bonito que é soñar por entre os palleiros da inocencia.
Non quero que a noite me pille escribindo sobre os tornaratos dun canastro nin ser testemuña dos azos dun covarde. Cada un vai pola vida ou polas airas da súa morriña, ou sexa, da súa existencia. Deixo que o aire busque por entre os palleiros da inocencia o pecado dun inocente que se sente culpable.

Finca Fierro. Martes, 8 de novembro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario