sábado, 19 de noviembre de 2016

NON SE ACABOU O MUNDO


E agora que? Estaba todo confiado en que xa non tería que escribir ningún recuncho máis, porque se dicía unha e outra vez que Donald Trump acabaría co mundo, e resulta que o mundo aínda non rebentou. Non preparei nada, non lle prestei atención ás novas da semana pasada. Para que? Se non podería contalas. Nun santiamén o mundo ía rebentar. Pero non se acabou o mundo. Certo que non podemos botar as campás a voar; non vaia ser que... Tamén é certo que a min, persoalmente, o Trump non me é de moita confianza e non me estrañaría que calcase o botón vermello. Vai ti saber! Aínda que a outra, a Hillary, ufff, vaia peza que semella tamén.
Pois aproveitando que aínda non acabou o mundo, sigamos criticando algunhas actuacións dignas de criticar. Por exemplo, os colapsos nas urxencias do CHUO. A min non me toca, en principio, vivilas estes días, pero se opino, ou mellor dito, se critico é porque vin fotos nos xornais nas que, efectivamente, se vían camas polos corredores, e o que me fai realmente lanzar a crítica é porque Sanidade di que é mentira, que non existen tales colapsos. Ó mellor teñen razón. Ó mellor son fotos trucadas. Vai ti saber!... iso do fotoxop éche outro mundo.
Xa que non se acabou o mundo, podía bromear coa solta dos mortos viventes por Ponte Ambía, en Baños de Molgas, pero a profanación das tumbas do seu cemiterio non é ninguha broma. Un cemiterio, calquera cemiterio merece máis que un respecto. Un cemiterio non é só un sitio de mortos; é o lugar no que viven os nosos recordos. Todos temos a alguén a quen recordamos unha e outra vez.

Finca Fierro. Sábado, 19 de novembro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario