miércoles, 12 de agosto de 2020

A MORRIÑA DUN TEMPO

Sento na escaleira de pedra e deixo que o silencio cargue coa morriña dun tempo. Daquel tempo que xa foi, pero que hoxe semella xa non é. Os tempos uns son mellores que outros. Deixo que a miña ollada mire para o horizonte e noto ó instante que non vexo nada; tan só un muro de pedra que hai enfronte e que, aínda así, o vexo como unha nebulosa, como unha vaguidade. Cruzo as pernas e cambio o xesto da cara; de silencioso a un medio sorriso que, pouco a pouco se fai verso no poema. Aínda que son todo un poema sen versos. Unha lavandeira pousa no muro de enfronte e unha lagarta asoma pola parede que hai á miña dereita. Quedo quieto, nin tan sequera respiro para que esta non se espante. É tan bonita!

Comprimo o corazón para que non latexe tan forte. Non obstante, este condenado manca de carallo. Dálle ó peito coma se se acabara o mundo. Ó mellor estase acabando. Ó mellor un sentimento racha neste silencio, ou unha sensación de desespero sobe e baixa por estas escaleiras de pedra. Pero sempre haberá momentos nos que pense que todo flúe, que nada afoga e que o tempo pasa e a esperanza estará ó pasar o muro de pedra. Ese muro de pedra que non se ve pero que está aí, enfronte, diante desa mirada perdida que deixo caer sobre o horizonte. Estiro as pernas, movo os pés ó ritmo dunha canción imaxinaria. A lagarta perdeuse escaleiras arriba cara á Aira do Medio. Ó lonxe, un can de palleiro rachou o silencio. O meu sorriso xa é completo. Ergo e deixo as escaleiras onde a melancolía dun tempo asomou durante un momento. Queda só o silencio. Eu fago ruído ó andar.


Finca Fierro. Mércores, 12 de agosto de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario