domingo, 9 de agosto de 2020

INCHANDO O PEITO

Incho o peito e deixo escapar un suspiro... longo e auténtico. Porque vexo, alá ó fondo, a esperanza colgada da galla dun piñeiro. Está moi alta; pero todo o que semella a imposibilidade de algo, adoita estar afastado das ansias de cada un. Por veces, síntome a Perla Negra sucando os mares polos que as ondas van e veñen coa bravura mesma dun desexo ou coa coraxe dun anhelo.

Incho o peito e reteño o aire durante un tempo. O suficiente como para que circulen ante os meus ollos aqueles momentos ou instantes nos que a miña vida se volveu apta para poder soñar. E soño cos dixomedíxomes dun encontro ou incluso dunha mirada. Porque hai miradas que din máis que mil palabras. E soño con finxir unha realidade que non chega e que, quizais, nunca chegará. Pero sei agatuñar polo tronco do piñeiro para abrazarme á esperanza colgada da galla. Din que non hai nada imposible. Sei que é moito dicir, pero...

Pero incho o peito de novo e, tras uns segundos, deixo escapar os recordos que se acumularon dentro. Poucos pero suficientes para conservar unha historia que foi, que é e que espero que siga sendo. Certo que a vida dá tantas voltas. Si, como unha buxaina. E se non hai peón, a monotonía asenta nese peito no que acocha un corazón amorfo. Non hai peor cousa nesta vida que un corazón que non sente, que non latexa.

Incho o peito e quero conter o aire. Cando empezo coas boqueadas, abro os ollos, abro a boca e deixo que as ilusións volvan ser donas e señoras da miña existencia.


Café Kibu de A Valenzá. Domingo, 9 de agosto de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario