domingo, 16 de agosto de 2020

O TEMPO PASA

O tempo pasa, di nunha canción Katyna Ranieri, con música do grande e inmenso Nino Rota. Claro que pasa. Como non vai pasar. O tempo pasou sempre. E para adiante. Nunca se detén. Nin tan sequera cando hai silencio. Nin cando hai ruído. Nin cando unha bomba nuclear cae desde un avión de combate. Nin cando unha bala de fusil sae de forma descarada cara á un impacto bestial. O tempo está no pestanexo dos ollos e no asubío duns beizos. Está no ritmo dunha perna seguindo un tema de rock and roll de Los Llopis e no reflexo da porta dun microondas. O tempo pasou á velocidade da luz para os tres equipos españois da Liga de Campións; que nin pasaron de cuartos.

O tempo é ese dicionario no que se describen os soños e no que se bambean os recordos. A memoria, ás veces, é tan efémera...Tamén pasa o tempo nunha canción de rap e no percorrido dunha nube branca que asoma polo ceo nocturno. O tempo pasou onte, pasa agora mesmo e pasará dentro duns segundos. Xa pasou. O tempo si que é efémero. E eterno. O tempo cae con esa pinga de orballo e voa nas ás desa rula que marcha cara ó infinito e máis alá. O tempo está na meniña dos meus ollos e na punta do dedo furabolos. O tempo viaxa cos oprimidos do mundo e chouta por enriba dos sucos. Boto a correr para alcanzar o tempo, pero nunca o pillo. O tempo pasa e todo cambia. O tempo é esa luz que se acende, que se apaga. É esa lúa que asoma e que se agocha entre aquela nube branca. O tempo es ti, e son eu, e aquel. O tempo é un verso, un libro aberto, un espello roto, un vestido roxo... O tempo pasa.


Finca Fierro. Sábado, 15 de agosto de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario