lunes, 31 de agosto de 2020

PASTOREO PARA UN BO LEITE

Me cago no mundo; uns nacen para mestres, para listos e outros nacemos para pasmóns, para incrédulos. Polo mañá lin nun xornal unha noticia que me impresionou. Impresionoume tanto que, xa vedes, teño que amosar a miña admiración polo descubrimento deses listos. Resulta que uns investigadores de Mabegondo, A Coruña, máis en concreto, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, chegaron á conclusión de que o pastoreo das vacas mellora a calidade do leite que producen. Deus bendito, quedei alucinado! Eu, gandeiro de toda a vida, non sabía iso. Eu sempre pensei que daban moito máis leite cando botaban todo un día tirando dos carros, arrastrando os arados ou estando pechadas sempre nunhas granxas a base de pensos ou herba seca triturada. Isto é coma se se descubrise agora que valen máis vinte minutos de chuvia sobre os produtos agrícolas dunha hortiña desas nosas, por exemplo, que unha hora regando cunha mangueira. Ou que vale máis un bo cocido que un prato deses ben presentados nunha mesa pero “sin chicha ni limoná”. Hai cousas que caen de seu, que non precisan ningún estudo, por Deus.


Ás veces chego a preguntarme onde raio meten certos cartos dos contribuíntes. Se se gastan cartos en estudos coma estes, estamos apañados. Porque, para máis aquel, tamén se meteu polo medio a colaboración do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite. Dous organismos para descubrir, logo de milleiros de anos, que as nosas vaquiñas dan mellor leite se saen a pacer. Ó mellor para a semana que vén aparecen coa nova de que é mellor un bo touciño ou un bo xamón que unha hamburguesa. Vivir para ler!


Finca Fierro. Luns, 31 de agosto de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario