viernes, 28 de agosto de 2020

NON QUEDA OUTRA QUE AGUANTAR

Se quedo coa ollada perdida, miro pero non vexo. O asunto ten o seu aquel. Ter os ollos abertos e non ver é digno de estudo. Pero, si, que quede para os entendidos, para os especialistas na materia. Eu tan só son especialista na alpabarda dunha idea. Que non é moco de pavo tampouco. Non é tan fácil ter unha idea para que suba ós lombos dos paiolos. Pensar, ás veces, dá moito traballo. Eu teño que pensar algo todos os días. Pero non todos os días estou de boas ou teño ganas de lerias. Hai días nos que me rebentan os miolos porque se me acumulan as imaxes, os propósitos, as materias; e hai outros nos que a nugalla quere deitarse sobre a súa propia almofada.


Cando me vexo ou me sinto impotente dáseme moi ben o berrar. E berro cara ós catro puntos cardinais.
E berro para arriba e berro para abaixo. E berro desde un campanario ou esfolando un calo. Cando non berro, quedo en silencio e semello un paxariño. Un paxariño que non pía. Quedarse en silencio é case coma mirar sen ver. Porque para quedar en completo silencio nin tan sequera te podes mover. Aínda que quizais isto tamén o deberían analizar moito mellor os especialistas, os entendidos. Eu sei que moitas veces vou de listo, de chulo pola vida; poida que para presumir un pouco e, claro, despois pasa o que pasa. Que moitas veces pasa algo e outras non pasa nada. Depende do contrincante. Non obstante, recoñezo que hai moi boas ideas dos contrarios. Incluso mellores cás miñas. Claro que quen está soñando cos biosbardos son eu. Non queda outra que aguantar.


Finca Fierro. Venres, 28 de agosto de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario