miércoles, 26 de agosto de 2020

A POLÍTICA DA LÚA

Se miro para o coche que pasa non podo mirar para o home que está tomando un café nunha terraza. Aquilo de que temos ollos na caluga, véxoo mal. Nin mal nin ben; por aí non vexo. Se miro para o político que bracea, non fai falta que mire para ningún outro lado porque non lle farei nin caso. A política é a palabra que mellor describe unha promesa rota; ou unha falsidade eterna. E moitos queren ser políticos. Hai que recoñecer que, hoxe, é a mellor profesión do mundo. Fas que traballas e arramplas. E xa sabemos con que se arrampla. Por iso hai tanto tránsfuga. E estes, pobres inocentes, sempre acaban confesando que cambian de chaqueta polo ben dos veciños. Non entenden que os veciños xa escolleran a quen escolleran.


Se miro para a nube negra que pasa, podo mirar igualmente para a lúa chea que asoma por detrás daquela. A lúa, o satélite que namora, que nos mira, incluso que nos sementa. Quen non fai as cousas segundo como estea a lúa. Din que ten influencia sobre as mareas. E sobre os ouleos desde o alto dun outeiro. Ata influirá sobre eses políticos que van e veñen por onde máis lles conveña. Quizais sexa a lúa vella a que máis marque o ritmo daquelas alteracións mentais. Soltar tanta luz nocturna e con tanta potencia non é moco de pavo. Ela mesmo é tamén un pouco política: cambia de fases cada sete días. Non me estraña entón que moitos queiran seguir a política da lúa: a de cambiar de chaqueta a cada pouco. Se miro para un político, tamén vexo a lúa. E se miro para a lúa, vexo un político. Pobre universo!


Finca Fierro. Mércores, 26 de agosto de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario