sábado, 22 de agosto de 2020

PALABRAS SOBRE O TECLADO

Deixo caer os dedos sobre o teclado do ordenador para escribir algo. Saen palabras raras. Verdades incómodas. Por exemplo: que cerca de vinte inmigrantes morren ó intentar alcanzar as costas das illas Canarias en dúas miserentas canoas. Pobres, como se lles ocorreu botarse así ó mar! Morrer por nada. Queda o consolo de que xa non escoitarán as pestes que terían que oír do país, quizais, máis emigrante do mundo mundial. Sempre foi lei de vida; que o maior emigrante non pode ver a ningún inmigrante.

Seguen os dedos dálle que dálle ás teclas para deixar caer palabras que non teñen sentido, que non teñen razón. Non obstante, aí as deixo. Quizais alguén lea torcido e me gabe as mentiras piadosas, ou me confese que un esperpento é unha simple esaxeración para quedar ben ou para chamar a atención. Por exemplo, o esperpento vigués de instalar xa o alumeado de Nadal. Ó final ata eu mesmo fallei nos meus propios cálculos, cando confesaba que, en nada, o Nadal empezaría ó rematar as Novenas de Os Milagres, ou sexa, o 9 de setembro. Este ano en Vigo xa empezou antes. Si, xa sei que, ó final hainas que poñer e, entón, que máis dá. Pero para iso tamén case é mellor deixalas xa instaladas e afórrase un pastón entre instalar e quitar. Digo eu. Si, xa sei, a publicidade que se lle fai á cidade... Pero, será unha publicidade seria ou será esperpéntica?Seguro que aquí tamén as palabras que deixo caer non proceden ou que son parvas. Palabras parvas escritas por un paiolo. Ou por un cretino. É igual. O caso é deixar que os dedos cuspan palabras sobre o teclado.


Finca Fierro. Sábado, 22 de agosto de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario