viernes, 21 de agosto de 2020

QUERO SER...

Quero envolverme no fardo, na paca de herba e rodar por Sudalomba abaixo. Quero esmagar bichos e arañas e vermes e toxos e xestas e lavercas e vacalouras e serpes. Quero rebentar o valado de pedra coa forza da miña inercia. Quero ser a Carrie-Anne Moss de “Matrix”, pero nin tan sequera son o Clint Eastwood de “Sen perdón”. Quizais algún día sexa o campanario dunha torre que non ten fin. Ou a presa do Segundo que non pode conter a auga, e esta borda con ímpeto, con enerxía, con forza moita melancolía ou moita saudade ou moita nostalxia ou moita morriña ou moita señardade.

Quero ser o “Blues do autobús” de Miguel Ríos que soa desde o alto da Chaira para que se escoite polo Río Vello e o Río de Vide e Barricobos e a Tapada Nova e Portugalego e a Porfía e a Parrumeira, pero nin tan sequera son o Carlos Núñez de “Negra sombra”. O sol ponse polo Outeiro de Brandín e eu caio na conta de que non produzo sombra, nin negra nin branca nin de cor. Quero sentar no alto dun canastro e deixar que os ratos rillen as espigas da miña conciencia, do meu sentido. Por veces, ata eu mesmo recoñezo que nin terei conciencia nin terei sentido (xa mo di a muller: non tes sentidiño ningún). Menos mal que eu quero ser a ovella negra que sempre vai polo camiño que non é. Aínda que, iso si, sempre chego ó meu destino. Con atrancos e con reviravoltas e con carraxe e con cabreos, pero chego. Sempre chego. Quero ser as pedras da presa do Segundo para deixar escapar esas pingas que refrescan a miña vida. Quero ser a Barbra Streisand da música en xeral e nin tan sequera son o asubío, en particular, de Ennio Morricone.


Finca Fierro. Venres, 21 de agosto de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario