martes, 16 de febrero de 2021

COS OLLOS PECHADOS

As mellores cousas sempre suceden cos ollos pechados. Cando estou quieto, claro. Porque se me movo, o máis seguro é que me esnafre. Pero se pecho os ollos e soño, aí está o pai dos merlos, o miolo da cuestión. Cos ollos pechados incluso podo ver voar un elefante ou bailar eu mesmo sobre o dedo maimiño da man esquerda. Podo presenciar como un sorriso pode abarcar todo un universo ou como a Perla Negra de Jack Sparrow navega por todos os océanos. Cos ollos pechados escoito a música de Ennio Morricone e ata me vexo capaz de dicir que xa pode acabar o mundo. Podo tamén voar coa “paloma negra” de Chavela Vargas ou mirar para un balcón a ver se me cae algún xamón.


Cos ollos pechados elimino sen voltas, sen rodeos todas as guerras que hai polo mundo adiante. E hai unhas cantas. Co das guerras estou hoxe algo sensible: onte vin unha película sobre o primeiro xenocidio do século XX, o dos turcos contra o pobo armenio, e recoñezo que quedei un pouco tocado. Por iso é que cos ollos pechados intento imaxinar que iso non existiu e que vivo nunha galaxia tan afastada que ata son feliz. Sabendo, por suposto, que o da felicidade é moi relativo. Porque non sempre se poden ter os ollos pechados. Por veces ata case é mellor vivir nun mundo ás escuras (cos ollos pechados) para que certa claridade non nos delate, para que certo resplandor non nos mate. Cos ollos pechados soño con que o lector que lea isto peche tamén os seus e diga: a felicidade consiste en pasar á páxina seguinte... e seguir.


Finca Fierro. Martes, 16 de febreiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario