martes, 23 de febrero de 2021

O MELLOR DOS TEMPOS

O mellor dos tempos é aquel de cando conseguín traspasar o universo e alcanzar o infinito e máis alá. Aínda non o alcancei, porque está moito máis alá. O mellor dos tempos adóitase dicir que é a infancia. Para o espírito maligno más seguro que sexa o averno, é dicir, o inferno. Porque o espírito maligno nunca se deixou levar polos ronseis que deixan os avións no ceo. O mellor dos tempos é aquel de cando o corazón che rebentou de amor; ou ben porque te quixeron ou ben porque te abandonaron, que de todo hai na horta do señor. O amor é bonito, pero que te ignoren por amor é como unha crucifixión.


O mellor dos tempos foi aquel no que goldrei polo río Arnoia para cruzar ó monte de Pinouzos e logo xogar durante toda unha tarde co meu can Uriarte. Incluso foi aquel no que me tirei oito anos seguidos estudando ou facendo que estudaba ante os curas no colexio dos Milagres. Foi aquel tempo que durou nove anos, un mes e quince días na capital do Imperio baixo unhas amizades nas que non había segredos nin desconfianzas. O mellor dos tempos foi unha pertenza a Galicia tal que nin nesa capital do Imperio foi quen de facerma recuar. Foi un amor á terra que aínda hoxe se desborda polos catro costados da miña existencia.

O mellor dos tempos é o que estou a vivir entre páxinas en branco que, ós cachos ou pouco a pouco, vou enchendo coa experiencia que dá o paso do tempo. Ás veces deixo caer pingas de orballo e de cando en cando recunchos hebdomadarios. O mellor dos tempos é o que se vive ó momento. Nada máis.


Finca Fierro. Martes, 23 de febreiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario