martes, 2 de febrero de 2021

O ESPECIALISTA

Ese son eu. O especialista. Especialista en contemplar os biosbardos desde Outeiro Barbeiro. Especialista en asubiar polo Uriarte, que anda a tornar as vacas no lameiro do Río Vello. Son un especialista en meter os parafusos polos buracos que non son e tamén en ler novelas baratas que non me din nada. Especialista en soñar esperto. E soño que cruzo pola ponte da Esperanza para, ó outro lado do río Arnoia, atopar a Realidade da Existencia. Si, porque non sei quen son, de onde veño nin para onde vou. Ás veces son algo así coma un cero á esquerda, pero outras son o heroe que se ergue sobre a miseria. Son especialista en seguir o voo dunha rula e en deixar caer catro versos sobre a area branca dunha praia, dunha praia calquera.


Son especialista de ver sen mirar e de tocar sen que me deixen. Especialista en escoitar a Miles Davis e en abrir a boca ante un sorriso branco, eterno e inmaculado. Especialista en perseguir ós pesadelos da conciencia para que reviren en soños de sensatez. A verdade é que sensatez teño pouco e conciencia ningunha. Cada un que asimile a súa. Son o especialista deses alieníxenas que de cando en vez aterran por entre os carballos das Mestras, na vila de Baños de Molgas. Non me custou facer de especialista cando Oliver Laxe rodou unha escena na que o protagonista se tiraba ós toxos na película titulada, precisamente, Os Biosbardos. Lembrade que son especialista en contemplar os biosbardos. Eu, se quero, son especialista en todo, ata de roubar sentimentos onde non os hai.


Finca Fierro. Martes, 2 de febreiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario